• Por primeira vez en lingua galega, podemos ler a un dos mestres contemporáneos da literatura norteamericana: Philip Roth, na obra "Pastoral americana", que vén de editar Faktoría K de libros.

    Seymour Levov, o Sueco, é o modelo para seguir por tódolos rapaces xudeus de Nova Jersey. Atleta lendario no instituto, medra no seo dunha familia acomodada nos alegres anos que seguen á Segunda Guerra Mundial. Herda a fábrica de luvas que o seu pai levantou dende a nada e casa con Dawn, ex-miss Nova Jersey. Despois do nacemento da súa filla, o matrimonio decide mudarse á morada dos seus soños, unha gran casa de pedra na idílica e tranquila comarca de Old Rimrock. A vida da familia Levov convértese dende entón nunha apracible "sinfonía pastoral" ata que un día do ano 1968 as súas vidas cambian. O Sueco Levov verá entón como se derruba estrepitosamente todo o que o arrodea.

    Philip Roth ofrécenos nesta novela o retrato duns personaxes que se enfrontan á máis crúa realidade no marcho dunha apracible vida cotiá. "Pastoral americana" é un relato lúcido que cuestiona os valores da sociedade estadounidense e a súa continuidade durante o conflito final dos felices sesenta, coa Guerra de Vietnam como pano de fondo.



  • Tyto Alba, autor da tamén reseñada nesta web "Sólo para gigantes" (Astiberri, 2012) presenta unha obra na que exerce de guionista e debuxante: "Dos espíritus".

    "Dos espiíritus" é un western atípico onde Tyto Alba xoga con algúns tópicos do xénero clásico, pasa do místico ou existencialista ao hiperrealismo, pero mantén a acción e a épica básica do mesmo. Non en van, resoan nesta obra ecos cinematográficos do "Jeremiah Johnson", de Sydney Pollack, e do "Dead Man", de Jim Jarmusch.

    Weskoboug, un indio travestido dos chamados "berdaches", vive escravizado nun saloon  onde é humillado constantemente para divertimento dos clientes. Tras presenciar o asasinato dunha xove embarazada por parte do sheriff da vila, é descuberto e, en compañía dun tipo estraño, Aslak, un lapón, fuxe por paraxes xeados baixo o risco constante de ser eliminado...

    Unha obra distinta, da man de Astiberri, un selo que acostuma a garantizar calidade, orixinalidade e autores interesantes con moito que contar.
  • Traémosvos hoxe un novo título da editorial Salamandra: "El malentendido", de Irène Némirovsky.

    Primeira novela de Irène Némirovsky, "El malentendido" publicouse na revista Les Oeuvres Libres en 1926 e editouse en forma de libro en 1930, un ano despois que a famosa "David Golder", a obra que a lanzou á fama. Reeditada recentemente en varios países europeos, "El malentendido" é outra mostra do talento dunha autora que, máis alá da súa abraiante precocidade, segue a cautivar pola súa descarnada radiografía da natureza humana.

    Descendente dunha familia da gran burguesía francesa vida a menos durante a Primeira Guerra Mundial, Yves Harteloup coñece a Denise, a bela e xove esposa dun antigo compañeiro do hospital militar, durante unhas vacacións en Hendaya, na costa vasca. Será o comezo dunha apaixoada relación que continuará cando os dous regresen a París, se ben alí o idilio de verán dará de fociños coa crúa realidade. Mentres Yves retoma a súa modesta rutina de oficinista, Denise, ociosa na súa mansión, agarda con impaciencia que el saia do seu traballo. O amor que parecía indestructible comeza a agretarse. Incapaz de segui-lo ritmo de vida da súa amada, Yves afúndese na melancolía, e Denise, atormentada polo muro de hermetismo que se levanta ante ela, fai un derradeiro e desesperado intento por avivar o interese de Yves e conservar así a felicidade que coñeceu canda el.

    "El malentendido" reúne algúns dos temas predilectos da autora: a levedade da paixón amorosa, o resentemento social, a decadencia da clase acomodada no París dos anos vinte e a nostalxia polo paraíso perdido. Outra gran novela dunha das escritoras máis destacadas do século XX.


  • Panini tráenos nesta ocasión un cómic que se afasta radicalmente da liña superheroica tan habitual nesta editorial. Trátase de "La nieve y el barro", de Enrique Sánchez Abulí e Osvaldo Walter Viola, Oswal.

    Francia, finais do século XIV, cando o país loitaba aínda contra Inglaterra na coñecida Guerra dos Cen Anos (que, en realidade, foino de 116 anos). Alí, crúzanse varios persoanxes canto menos singulares.

    O conde René de Dubois, que retorna ao seu castelo en compañía dun Bispo e do servente deste, un tal Petir Ferré, que viaxa cun loro ás costas.

    Os aguerridos soldados Arnaud e Antoine, pura chusma ávida de sangue e sexo.

    Jerome Whitewash, que di servir ao rei inglés Ricardo II, un cabaleiro de flamante armadura toleado polo tempo e mil batallas, que desexa recuperar o seu vello amor, Madeleine.

    Aube, unha fermosa doncela, filla de Madeleine e Jerome.

    Pan, a rapaza salvaxe do bosque.

    Bruno o Ferreiro, antano mudo, que recobra a fala ao ve-la orixe da súa vida.

    Os Routiers, mercenarios licenciados sen amo, que vagan polo campo e asaltan pequenas vilas.

    E están o vizconde e a condesa, muller de Dubois.

    Todos eles conforman unha visión entre crúa, irónica, salvaxe, despiadada e libertina do teatro da vida.

    "La nieve y el barro" supón unha nova colaboración entre dous grandes da Banda Deseñada: o guionista Enrique Sánchez Abulí ("Torpedo", "Asesinos anónimos") e Oswal ("Consummatum Est", "Big Rag"), que xa libraron outras batallas artísticas en conxunto, coma "13 relatos negros" ou "Historias tremendas".



  • Hoxe, 23 de Abril, é o Día Internacional do Libro. É por iso que todos aqueles que veñades á nosa libraría a mercar algún libro ou cómic levarédelo cun 10% de desconto. A que estás agardando? Vén hoxe e leva todos eses títulos aos que lles tes botado o ollo!



  • Se hai algo que caracteriza á editorial Alamut é a súa clara aposta pola ciencia ficción, tanto de autores consagrados, como Arthur C. Clarke, autor de "2001", como de novos talentos. Tócalle o turno a un destes últimos, Hannu Rajaniemi. A obra, "El ladrón cuántico".

    Jean le Flambeur é un delincuente post-humano, ladrón de mentes, timador e enganador. Aínda que o seu pasado é un misterio, os ecos das súas proezas resoan por toda a Heterarquía: dende a incursión nos Cerebrozeus do Sistema Interior, aos que roubou os seus pensamentos, ao roubo das valiosas antigüidades terrrestres da aristocracia das Cidades Errantes de Marte. Si, Jean era o mellor... ata que cometeu un erro.

    Agora está condenado a enfrontarse a innumerables copias de si mesmo nas inesgotables versións da Prisión dos Dilemas... unha rutina de morte, deserción e cooperación que se verá truncada pola chegada de Perhonen, a aracnonave de Mieli, quen lle ofrecerá a oportunidade de recuperar a liberdade e os poderes do seu antigo ser a cambio de completar o único golpe que sempre se lle resistiu.

    "El ladrón cuántico" é unha deslumbrante novela de ciencia ficción dura ambientada no futuro lonxano do noso sistema solar. Unha historia de atracos poboada por extravagantes post-humanos movidos, non obstante, por impulsos tan eternos como a traizón, a vinganza ou os celos. Un debut espectacular.


  • Aquí vos deixamos as fotos da visita de onte de Manel Loureiro. Mil grazas, Manel, por estar connosco!!!



























  • O célebre escritor de Providence H.P. Lovecraft escribiu multitude de relatos, obxecto dun sinnúmero de recopilacións e algunhas adaptacións ao cine, con máis o menos fortuna. Neste caso, tócalle ao cómic, con "Desde el más allá y otras historias", a cargo de Erik Kriek. Esas "otras historias" son "El intruso", "El color que cayó del espacio", "Dagon" e "La sombra sobre Innsmouth".

    Monstruosas criaturas primixenias que laten baixo as augas, abismos sinistros máis alá das estrelas, estrañas cores vidas do espazo para contaminar a existencia dos homes... e o que non ten nome axexando sempre no albor.

    Co seu trazo lúgubre e minucioso, Erik Kriek reinterpreta en forma de cómic os mellores relatos de H.P. Lovecraft, xenio da literatura de terror e irrepetible visionario da ameaza cósmica e silenciosa que dende a noite dos tempos pende sobre a humanidade.

    Unha lectura aterradora e fascinante que iluminará os nosos rincóns escuros e fará entrega das nosas almas ás alimañas descarnadas da noite.


  • Chega a agardada nova novela da autora do bestseller "Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea", "Nubes de kétchup".

    Zoe é unha rapaza inglesa de quince anos que agocha un terrible segredo. Chea de angustia pero tamén cunha boa dose de humor, Zoe comezará a escribir cartas a Stuart Harris, un asasino encerrado no corredor da morte nunha prisión de Texas. Pensa que só alguén así, marcado ao igual ca ela polo segredo, a mentira e o asasinato, vai poder comprendela...

    Bolígrafo na man, Zoe respira profundamente e comeza o seu relato de amor e traizón...

    Chea de humor, "Nubes de kétchup", a segunda novela de Annabel Pitcher, ten tódolos ingredientes necesarios para triunfar como xa o fixo o seu anterior traballo.



  • Enrique Fernández presenta o seu último traballo, "Los cuentos de la Era de Cobra 1. Los amantes".

    Hoxe, no quinto aniversario da noite dos fogos, permitídeme acaricia-las vosas almas co meu conto, tecido con cen contos...

    É a historia de Sian, a bela xove condenada a un triste destino como cortesana, e a de Irvi, ladrón transformado en demo, condenado a devorar o corazón dos seus inimigos; e tamén a de Cobra, o tirano manipulador, e incluso a da Maluuk, o artista desterrado que quere conducir ao seu pobo á reconquista da súa liberdade... A historia máis extraordinaria de todas, na que os personaxes coñécense, ámanse, traizóanse e loitan entre si...

    Enrique Fernández ("Aurore") da vida a un relato brillante e grandioso que combina con total mestría o imaxinario de "As mil e unha noites", a exuberancia do folklore indio e a comicidade de "As aventuras do Barón de Münchausen".



  • Presentamos hoxe "El Sr. Penumbra y su librería 24 horas abierta", de Robin Sloan.

    Dentro, imaxinade a forma e o volume dunha libraría normal volta sobre un costado. Era un lugar ridículamente estreito e vertixinosamente alto, cuxas estanterías chegaban ata arriba: tres andares de libros, quizáis máis. Torcín o pescozo (por que as librarías resultan sempre tan incómodas para os pescozos?); os estantes esvaíanse suavemente entre as sombras, de tal modo que semellaban non ter fin. Todos estaban ateigados, e tiven a sensación de atoparme no lindeiro dun bosque. Pero non dun amable bosque californiano, denón dun vello de Transilvania, cheo de lobos e meigas e bandidos con puñais, acazapados onde a luz da lúa xa non alcanza. Colgadas das estanterías, había unhas escaleiras que se deslizaban cara os lados.

    "Unha divertida e sorprendente fantasía clásica sobre os lugares nos que se acaban atopando os vellos e novos coñecementos. De maneira intelixente, utiliza a era dixital para poñela ao servizo da fantasía... O querer saber por que os personaxes queren resolve-lo misterio de Penumbra é o que mantén ao lector pasando páxinas", San Francisco Chronicle.


  • Norma Editorial tráenos unha proposta espectacular que vén da man de Barbara Canepa e Anna Merli: "End, tomo 1. Elisabeth".

    Imaxina... Que o mundo que te arrodea non se movera. 

    Que o murmurio do vento e o repique da choiva se repetiran inexorablemente no seu monótono devir... 

    Que reinara un silencio soberano que vos convertera en invisibles... 

    Así é o meu universo.

    Un mundo no que a nana do tempo parou de soar.

    Un mundo inanimado, privado de cor, onde os espíritos e as almas perdidas atopan por fin a paz...

    ... Nos seus mausoleos solemnes e intemporais.

    Teño 13 anos. Elisabeth é o meu nome. O meu cabelo é branco coma a vida. Se o corazón volo pide, podedes atoparme. Pero para facelo teredes que morrer.

    Todo isto, e moito máis, é "End".



  • O escritor italiano Erri De Luca publica "El crimen del soldado", o seu seguinte traballo tras "Los peces no cierran los ojos".

    Dende a caída do réxime nazi que tanto loitou por defender, un vello criminal de guerra repite unha e outra vez a mesma frase: "O crime do soldado é a derrota". A súa filla, en cambio, cre que hai crimes inxustificables, coma os do seu pai.

    Despois de escapar dos Aliados, adopta outra identidade e convértese nun carteiro, un vulgar pai de familia. El vive obsesionado con que o recoñezan, atormentado pro mor do fracaso nazi. Ela creceu buscando a lixereza: ser filla dun asasino é vivir atrapada baixo o peso dunha rocha. Ámbolos dous teñen unha cita co destino.

    A intensidade lírica e a singularidade da súa prosa converteron a  Erri De Luca "nun dos mellores autores europeos do momento" (Mercedes Monmany, Babelia). En "El crimen del soldado" aborda un tema de trascendencia e vixencia imperecedoiras, e desplega o seu talento con máis forza que nunca: "Un Erri De Luca sorprendente enfróntase á súa protagonista máis terrible" (La Stampa). "Unha das narracións máis fermosas e intensas de Erri De Luca" (Giornale di Brescia).




  • O peculiar artista coñecido como Seth tráenos o seu novo traballo: "La G.N.B.Doble C. La Hermandad de Historietistas del Gran Norte".

    Cando vaian a Dominion, na Milverton Street non poderán evitar fixarse nunha chamativa fileira de belos edificios antigos. O que ten a fachada de pedra rosa e coñecidos personaxes da historeta canadiense na entrada é a sede de Dominion da Irmandade de Historietistas do Gran Norte. Erixida en 1935, agora é o último bastión do noutros tempos prestixioso clube, exclusivo para socios. Durante anos, o edificio, cheo de lámpadas art decó, sinxelos mobles feitos a man e pasillos cheos de retratos en branco e negro dos mellores historietistas canadienses, foi o punto de encontro dos profesionais da activa comunidade de cómics do "Gran Norte Branco". Xentes de tódolos ramos da industria reuníanse aquí nas súas americanas verde escuro para beber cócteles, comer, bailar e charlar da historieta.

    Seth abre o seu caderno de bocetos nun invisible mundo de cómics canadienses, algúns ficticios, outros non, algúns cómicos, outros agridoces, pero sempre fascinantes nesa imaxinativa exploración da historia da historieta canadiense. Se "Wimbledon Green" homenaxeaba aos coleccionistas de cómics, "La Hermandad de Historietistas del Gran Norte" rinde tributo aos debuxantes que eses mesmos coleccionistas adoraban.



  • Presentamos hoxe "As Crónicas de Bran, vol. 1. A revolta dos Mestres", escrito por Xosé Duncan e ilustrado por Kaiser Wilhelm.

    A maxestuosa cidade de Elawei álzase no cumio da Montaña Sagrada. O mozo Nash, que de moi novo foi salvado dunha miserable vida nas minas para se converter no sucesor do trono do Palacio Áureo, ve o seu destino truncado cando a familia real consegue concibir un herdeiro de sangue. Os grandes mestres dos gremios preparan unha revolta para impedir a coroación do príncipe Bran, e así facerse co poder do reino. Para iso asinarán un perigoso pacto con Lord Daru, que comanda as tropas demoníacas que desde a Terra da Nada avanzan na conquista dos territorios pictos cara a cidade de Elawei. A gran batalla está a piques de estoupar, mentres o Dragón Vermello segue a durmir nas profundidades.

    Deste xeito comezan as crónicas de Bran e a súa viaxe ata a Terra de alba, onde o agarda o máis misterioso dos destinos.

    A novela que nos ocupa resulta do máis interesante, avogando por un xénero, o fantástico, do que en moi poucas ocasións se publica algo en galego. A edición vén por conta de Contos Estraños Editora, unha pequena editorial que realiza unha labor encomiable.


  • O guionista Robin Wood presentado o seu novo traballo, "El ángel", co impresionante arte do aclamado debuxante de "100 balas", Eduardo Risso.

    Toledo, finais do século XV. O anxo ten un destino que cumprir. No berce recibiu unha marca cun ferro candente. Tamén recibiu o afecto dos mendigos, ladróns e asasinos. Aprendeu a pasar fame, a sufrir enganos, a cavar tumbas. Tamén exercitou o valor, a lealdade e a xustiza. Xa adulto, dispónse a cruzar o Atlántico nas naves do almirante Colón. Unha vez alí, entre soños de ouro e soños de chumbo, o anxo buscará o seu camiño.

    Un título exemplar a cargo da editorial ECC.








  • Presentamos hoxe o novo traballo de Rosa Regás, "Música de cámara".

    Acompañada pola súa tía Inés, unha viola e unha maleta chea de recordos, Arcadia volve a Barcelona en 1949. Filla de republicanos exiliados en Francia, refúxiase na súa paixón pola música para sobrevivir no ambiente opresivo da posguerra. Un día coñece a Javier, un prometedro estudante de Dereito que pronto se converterá no centro da súa vida. Con todo poden e a todos se enfrontan para levar adiante a súa relación, ata que a personalidade libre de Arcadia convértese nun estigma social que sela os seus destinos.

    "Música de cámara" é a historia de amor de dous mozos que pertencen a mundos non só distintos, senón contrarios. E é, tamén, a historia do reencontro entre os dous amantes, no outono de 1984, durante a longa noite na que se internan nunha turbadora e lúcida reflexión sobre os anos transcorridos.




  • Chega a nova edición dun clásico entre os clásicos: "From Hell", de Alan Moore e Eddie Campbell.

    "From Hell" relata a historia de Jack o Destripador, probablemente o home máis infame na crónica dos asasinos en serie. A través dos detalles dos acontecementos que conduxeron ás mortes de Whitechapel e o seu encubrimento posterior, "From Hell" plantexa o estudio da mente dun tolo cuxo salvaxismo e violencia deron paso ao século XX.

    "From Hell" cosechou un amplo recoñecemento entre crítica e público. Considerada como a novela gráfica máis importante xamais publicada, combina unha meticulosa documentación cunha especulación respectuosa, cuxo resultado é unha obra mestra, á vez terrorífica e atractiva, da ficción histórica.

    Hai máis que dicir? Coido que non.



  • Traémosvos hoxe algo distinto, pero non por iso menos interesante. Trátase de "Ninguén lembra", de Vanesa Santiago Vázquez.

    Daia Dalúa cruza Europa nun tren que a levará cara a un destino frío onde coñecerá a calor dos amigos. Con eles, deberá descubrir que se agocha tras o po centenario dun libro laretas que lles pide axuda para salvar a Degon Aerinaria. Mais, quen é Degon Aerinaria? Poden fiarse da mensaxe dun libro que se adica a posuír, a dicir de Daia, a incautas alumnas de primeiro como Fiona, a súa irmá? Foi casualidade que aquel vello libro caese nas súas mans? Mais Daia non cre nas casualidades. Se ti tampouco cres nelas, mergúllate nesta historia que ninguén lembra para coñecer a resposta. Ao cabo, non é casualidade que esteas a ler este anticipo... Us kroguinin, Degon Aerinaria? Onde estás?...

    Gustas de ler algo que se afasta do habitual? Este é, sen dúbida algunha, a elección adecuada. Ademáis, na lingua de Castelao.



  • A vida dun cómico televisivo de éxito está chea de glamour: o público riche as grazas, os teus invitados celebran as túas ocorrencias, es o centro de atención das festas do show business, acaparas premios da crítica polo teu "humor intelixente". Pero detrás de cada chiste, de cada liña de monólogo, de cada resposta aparentemente improvisada, hai un descoñecido que pasa desapercibido e sofre en silencio: O GUIONISTA.

    Como é o día a día dos guionistas dun lat night show televisivo? Lonxe do glamour, os guionistas son frikis ignorados e talentosos, menosprezados e infravalorados polos seus propios compañeiros de traballo. Cando todo vai ben, ninguén os ten en conta. Pero cando as cousas van mal e a audiencia derrúbase, sempre hai alguén disposto a exclamar furiosamente: ONDE ESTÁ O GUIONISTA?

    "¿Dónde está el guionista?" é unha tira cómica escrita pro Andrés Palomino e debuxada por Álex Roca inspirada en feitos reais e protagonizada por un par de sufridos guionistas ao servizo dun humorista mediático despótico e incompetente.





  • O venres 19 de Abril, ás 7 da tarde, teremos connosco a Manel Loureiro, creador da triloxía "Apocalipsis Z" (formada por "El principio del fin", "Los días oscuros" e "La ira de los Justos"), con motivo da presentación da adaptación da súa obra á Banda Deseñada, a cargo de Vicente Vegas.

    Gustáronche as novelas? É o momento de ler o cómic! Que non liches os libros? A que estás agardando? Ven por eles e lévaos asinados polo autor, pioneiro do fenómeno zombi made in Spain.