• Tiempo de cenizas, de Jorge Molist

    Presentámosvos hoxe a nova novela de Jorge Molist, "Tiempo de cenizas", que vén de publicar a editorial Temas de Hoy.

    No Renacemento, Joan e Anna, alonxados da súa terra de orixe, conseguen rexentar unha libraría que se converte no centro das intrigas de Roma. O establecemento é un símbolo do clan español dos Borgia, que goberna a cidade con man de ferro, e, polo tanto, un obxectivo a destruir polas grandes familias romanas que urden a caída do papa Alexandre VI e dos seus ambiciosos fillos Juan, César e Lucrecia.

    Joan e Anna son felices a pesar das traizóns, complots, adulterios, guerras e asasinatos que os rodean. Sen embargo, Juan Borgia, un xove que non acepta negativas e no que o seu pai, o papa, delegou todo o seu poder, encapríchase de Anna.

    A partir dese momento o matrimonio deberá enfrontarse tamén ao poder dos seus protectores, os Borgia, para salva-lo seu amor, a súa familia e a súa dignidade.

    Este é o comezo dunha xesta que levará ao libreiro a loitar xunto ao Gran Capitán pola conquista de Nápoles, a converterse en frade para derrocar a Savonarola en Florencia, a enfrontarse á Inquisición e á peste en España, a loitar contra naves corsarias no Mediterráneo e a participar nas miserias, a gloria e a caída duns personaxes fascinantes e únicos: os Borgia.

    Unha novela que combina historia, asasinatos, amor, intrigas e conspiracións. Non a perdas!


    0 comentarios → Tiempo de cenizas, de Jorge Molist

    Publicar un comentario