• Os días do cometa, de Manolo López Poy e Miguel Fernández

    Unha vez maís, a editorial Demo vén de publicar unha novela gráfica feita 100% en Galicia de xénero negro que trata temas inéditos na Banda Deseñada galega.

    Mediados dos anos oitenta. O paso do cometa Halley coincide cunha espiral de violencia que racha definitivamente as relacións dun grupo de amigos da infancia sumidos nun mundo de negocios turbios. Todos eles veranse abocados a cumprir co seu rol, envoltos nun ambiente de corrupción, narcotráfico e tráfico de brancas que os salpica. 

    Despois do éxito acadado pola súa ópera prima, "O fillo da furia", cuxa segunda edición chega simultáneamente a este álbum, o xornalista Manolo López Poy e o debuxante Miguel Fernández abordan unha nova historia de crime ambientada en Galicia.

    Ao igual que fixeran co bandoleiro Mamed Casanova en "O fillo da furia", Manolo López Poy e Miguel Fernández volven deitar a súa ollada sobre personaxes que levan vidas por vieiros arredados da sociedade xeral, e de paso deixan albiscar o difuso dos límites entre eses camiños e os do mundo convencional. Tráennos, así, un relato de xénero negro onde por primeira vez saen a relucir na Banda Deseñada os ambientes de tráfico de drogas e clubes nocturnos dos ámbitos rural e periurbano galegos. Unha chea de referencias aos oitenta, sen a mínima compoñente nostálxica, dotan a historia de verosimilitude, e, no entanto, achégana perfectamente aos parámetros do xénero, axudados por un grafismo de claroscuros que transita entre o naturalismo e o expresionismo no tratamento da acción.


    0 comentarios → Os días do cometa, de Manolo López Poy e Miguel Fernández

    Publicar un comentario