• Charlie Marlow y la rata gigante de Sumatra, de Alberto López Aroca

    Hai un tempo, na entrada adicada a Sherlock Holmes, falábavos un pouco de "Sherlock Holmes y los zombis de Camford", de Alberto López Aroca. Pois ben, hoxe traémosvos outra obra deste autor nacido en Albacete.

    A obra de López Aroca ten dous trazos característicos e predominantes: orixinalidade e contidos sherlockianos, algo do que xa facía gala na citada novela. E non podía ser menos na que agora nos ocupa, "Charlie Marlow y la rata gigante de Sumatra". Unha das cousas curiosas deste libro (unha de moitas), e tamén do próximo, "Los náufragos de Venus", é que o autor o finaciou por medio dun crowdfunding, método consistente en que o escritor, neste caso, fai público o seu proxecto e busca mecenas para consegui-los cartos necesarios para levalo a cabo, de forma que calquera persoa pode aportar o seu gran de area para que o libro sexa publicado. López Aroca leva dous libros financiados por medio deste sinxelo método, gracias ás súas propostas arriscadas, interesantes, orixinais e distintas.

    Durante unha xuntanza improvisada no Billiards Club de Londres (onde, como todo o mundo sabe, ninguén xoga ao billar), un grupo de viaxeiros e aventureiros rememoran as andanzas do mariño Charles Marlow -máis coñecido por ser o protagonista da novela "El corazón de las tinieblas, de Joseph Conrad, que inspirou a película "Apocalypse Now"-, e a viaxe que o vapor voandeiro Friesland realizou en 1893 na procura dun barco desaparecido, o Matilda Briggs, non moi lonxe da illa de Sumatra.

    Marlow terá que levar a cabo a busca en compañía dun inglés alto, estirado e extremadamente sagaz, que se fai pasar por un explorador noruegués chamado Sigerson. A pista que conduce ao Matilda Briggs levará a Marlow e ao seu patrón (un enviado do Clube Diógenes) ata unha sinistra illa no Índico, envolta nunha misteriosa néboa perpetua, e cuxo perfil recorda ao dun cranio...

    Os sons dos aleteos de estrañas e feroces aves antediluvianas e o lonxano eco dun arrepiante gong de proporcións ciclópeas non representan unha ameaza inmediata, pero non podemos dici-lo mesmo dunha grotesca criatura que fuxiu do Matilda Briggs, da tripulación que se fixo cun inxenio pertencente ao Goberno Británico e anda solta pola illa, nin dun terceiro elemento en discordia (un cazador de tigres reconvertido en cazador de homes) que lle segue a pista ao "noruegués Sigerson" dende hai dous anos, tra-la morte dun mestre de matemáticas chamado James Moriarty...

    A esperas? Se gustas de ler un relato orixinal, divertido, que engancha e disfrutas cos pastiches sherlockianos (obras que teñen como protagonista a Sherlock Holmes ou que se ambientan no seu universo), "Charlie Marlow y la rata gigante de Sumatra" e o resto da obra de López Aroca pasarán a ocupar un lugar privilexiado na túa biblioteca.




    0 comentarios → Charlie Marlow y la rata gigante de Sumatra, de Alberto López Aroca

    Publicar un comentario