• Una metamorfosis iraní, de Mana Neyestani

    Traémosvos hoxe unha obra singular que narra a historia do propio autor, Mana Neyestani. Trátase de "Una metamorfosis iraní", ilustrada polo artista Hassan Karimzadeh.

    O pesadelo de Mana Neyestani comeza en 2006, o día en que debuxa unha conversación entre un neno e unha cascuda no suplemento infantil dun semanario iraní. O problema está en que a cascuda debuxada por Mana utiliza unha palabra azerí. Os azerís, pobo de orixe turca residente no Norte de Irán, están dende hai moito tempo oprimidos polo réxime central. Para algúns deles, este debuxo é a gota que enche o vaso e un pretexto perfecto para provocar unha revolta. O réxime de Teherán precisa dun chibo expiatorio, e este será Mana. Xunto ao editor da revista, é levado á Prisión 209, unha sección non oficial da prisión de Evin, verdadeiro cárcere baixo a administración da VEVAK, o Ministerio de Información e Seguridade Nacional. Non é un lugar moi agradable. Mentres os dous homes padecen semanas de illamento e interrogatorios, os azerís organizan múltiples manifestacións contra o goberno. As autoridades dan orde de disparar aos manifestantes, provocando numerosas vítimas, pero consideran que todo él culpa de Mana.

    Tras dous meses de detención, por fin Mana obtén o permiso de saída temporal. Decide entón fuxir coa súa muller. Despois dun longo periplo que lle fará pasar polos Emiratos Árabes Unidos, Turquía e China, chegará a Malasia para instalarse antes de ir a París en 2010.

    Estremecedora, "Una metamorfosis iraní" é unha inmersión a pulmón libre no sistema totalitario kafkiano posto en marcha polo réxime iraní.


    0 comentarios → Una metamorfosis iraní, de Mana Neyestani

    Publicar un comentario