• Elemental, querido Watson

    O personaxe de Sherlock Holmes, o mellor e máis coñecido detective privado da literatura e creado por Sir Arthur Conan Doyle, é unha figura inmortal, tal e como xa demostrou o propio Conan Doyle ao resucitar ao personaxe tra-lo seu intento de acabar con el na definitiva pelexa contra o seu eterno rival, o Profesor Moriarty. Pero Holmes non só vive nas obras do escritor escocés, senón que, moitos anos despois da morte deste, segue a dar moito de sí. Dende Libraría Vagalume queremos dar a coñecer algunhas mostras que se afastan un chisco dos relatos máis tradicionais:

    - "Sherlock Holmes y los zombis de Camford", de Alberto López Aroca. Editada por Dolmen Editorial. É Outubro de 1903. Sherlock Holmes está a piques de retirarse, Watson casou por enésima vez, e o detective de Baker Street conta agora coa axuda dun antigo presidiario, Otis Mercer, para realizar as labores cotiás do oficio. Cando Bernard Baker, masón e tamén detective privado, solicita a súa axuda para localizar ao comprador dun estraño "elixir rexuvenecedor", Holmes decide viaxar á cidade de Camford, onde se topará cunha aterradora ameaza, así coma cunha serie de enigmas que desafiarán á súa mente deductiva: que segredo oculta a pedra máxica do xoven millonario recén chegado de Sudamérica? Quen é o home da man de metal? Cales son as verdadeiras intencións do extravagante señor Pride? Que prodixios se gardan nos lóbregos sotos da universidade? E o máis importante, poderá Sherlock Holmes resolver tódolos misterios e evitar que o mundo acabe invadido por unha praga de mortos vivintes?

    - "Victorian Undead", de Ian Edginton e Davide Fabri. Formada por dous cómics editados por Norma na colección Made in hell: un primeiro tomo que enfrenta ao famoso detective cun exército de zombis e un segundo no que será  Drácula quen o poña contra as cordas. Trátase dunha obra que combina unha extraordinaria historia cun debuxo sobresaínte, formando un cómic imprescindible na biblioteca de banda deseñada de calquera amante do cómic fantástico e de terror.









    - "Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona", de Sergio Colomino e Jordi Palomé. Cómic de tapa dura editado por Norma. Ano 1893. Sherlock Holmes, o gran detective a quen o mundo veu morrer en Reichenbach, chega a Barcelona para investigar a reaparición dunha nave submarina codiciada por media Europa. Pero nunha cidade dividida polo conflicto entre burguesía e clase traballadora, a investigación inicial de Holmes extenderá os seus fíos para rematar conducíndoo ata as sociedades anarquistas, e convertilo en testemuña dun dos sucesos máis sanguentos na historia de Barcelona.











    Non o dubides: se buscas algo distinto a todo o que liches do detective de Baker Street, estas son as túas obras.

     

    0 comentarios → Elemental, querido Watson

    Publicar un comentario