• A novidade de hoxe é o libro "Galicia inmaterial, Galica máxicia", de José Luis Casteleiro Santos e Miguel García Seoane, ilustrado por Carlos Sardiña e editado por Hércules de Ediciones.

    Galicia conta cun amplo e diverso patrimonio cultural, do cal forman parte abundantes elementos inmateriais: mitos, lendas, costumes ancestrais, festas (con grande importancia do elemento gastronómico), tradicións, supersticións, etc.

    Con esta obra preténdese realizar un estudo -destinado ao público en xeral- do folclore galego na súa vertente máxico-relixiosa, mediante unha visión panorámica e un compendio universal dalgúns dos elementos máis sobranceiros desta parte tan importante da cultura galega. Búscase contribuír á súa difusión e divulgación co obxectivo de poñela en valor; dunha banda, para concienciar da súa salvagarda e evitar o seu esquecemento e, doutra, pola súa importancia como patrimonio inmaterial e o seu potencial como produto cultural e turístico.

    Un título impresncindible para coñecer a Galicia máis mística!





  • Velaquí a nova proposta de Emilio Araúxo, autor ourensano afincado en Lalín: "Mal mor", editado por Axóuxere.

    "Ser é ser percibido", escribía o filósofo George Berkeley no século XVIII. Atraído por esa idea, Samuel Beckett poríaa en xogo na obra Mal vu mal dit (1981). Nela narrábase a tensión vital dunha anciá irlandesa e medio cega. "Desde o seu leito, ve erguerse Venus. Aínda. Desde a súa cama, cando o ceo está claro, ve erguerse Venus e despois o Sol. Aínda", cóntanos o comezo da obra. A difusa imbricación entre o dito e o percibido, entre o que se describe e o que se imaxina, ou tamén entre palabra e relato está habilidosamente armada no dispositivo beckettiano.

    Emilio Araúxo, con Mal mor, revisita a obra do escritor francófono, inseríndose no mesmo lugar de cruce entre linguaxe e representación, entre percepción e narración, relatándonos as duras xornadas dunha vella do rural. Nelas asemella anticipársenos un final, un intre derradeiro, culminante, ao tempo que a forza desas palabras aínda frean a súa consumación: "Aquí. Aquí onte non poder. Non poder moito. Non poder. Algo. Algunha cousa. De que está descansada aínda a vai facendo. Saír da casa". Cunha escritura depurada e esencial, o autor lalinense dálle voz a quen desde o seu persistir prolonga a melodía dunha vida que se achega ao apoxeo mais que teimuda e constante, chea de dores e lembranzas, agarda no firme paso que chanta a existencia á terra, coma os nosos avós, coma as labregas e os labregos que resistindo o inevitable din o acontecemento do seu lugar nun mundo que non se esgota. Pois están aquí aínda. Aquí, Mentres a lúa observa.

    Un título do máis interesante que non debedes deixar de ler!






  • Traémosvos hoxe unha das más recentes publicacións da editorial Xerais: "O trapecista da malla de rombos", de Alberto Canal.

    Con dez anos acabados de cumprir, Iupanki soña con converterse no trapecista principal do Circo de los Muchachos. Mais todo se volve na súa contra. Cando coñece a nación de Benposta, o país utópico onde reside a escola do circo e os  nenos son quen gobernan, atópase con xente estraña que quere destruír o soño que axudaron a erguer cativos de diferentes partes do mundo. O neno Iupanki, aguilloado polo amor que comeza a sentir pola contorsionista Nuna, decide entón embarcarse na aventura de salvar o circo das gadoupas dos poderosos para asegurar que os artistas da malla de rombos poidan seguir levando a maxia do circo a todos os recunchos do planeta.

    Baixo a mirada inocente e soñadora dun neno, "O trapecista da malla de rombos" rende homenaxe á utopía que se fixo realidade en Benposta, a cidade dos rapaces. Un proxecto nacido do compromiso e a ilusión que pasou a formar parte da memoria colectiva de varias xeracións.

    Unha novela marabillosa!






  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Tecnos: "El itinerario intelectual de Nietxsche".

    O obxectivo deste libro é facer ver as liñas de forza que dan unidade e sentido á evolución do pensamento de Nietzsche a través da enorme cantidade e heteroxeneidade dos seus apuntamentos, proxectos, materiais e obras publicadas.

    Cales son as relacións internas, os elementos de continuidade e as inflexións e transformacións mediante as que todo este complexo de inquietudes e de ideas vaise estructurando e evolucionando? Ensaiar a resposta a esta pregunta contribuiría a disolver equívocos e simplificacións tan reiteradas como absurdas, tales como, por exemplo, a de dar por obvio que a filosofía de Nietzsche comeza propiamente con O nacemento da traxedia porque na súa produción anterior  a esta obra só habería pura práctica filolóxica. Ou que, a partir de O nacemento da traxedia e, máis en concreto, tra-lo abandono da súa cátedra, Nietzsche perde o interese pola filoloxía ao tempo que renega da súa etapa schopenhaueriano-wagneriana, construíndo a partir de todo elo un pensamento crítico-xenealóxico sen apenas relación esencial cos seus escritos de xuventude.

    O que este libro trata de desenvolver é unha hipótese de organización para toda a complexidade do itinerario intelectual de Nietzsche, de xeito que o lector poida ter unha panorámica coherente do seu itinerario intelectual necesaria para orientarse no asistematismo que lle é caracterísitico.

    Un libro indispensable para tod@s @s seguidor@s da obra de Nietzsche!






  • Que pasa se collemos por un lado a saga de libros (e serie) "Canción de Hielo y Fuego", iniciada por "Juego de Tronos", e por outro a Filosofía? Pois que dá como resultado un libro como "Juego de Tronos y la Filosofía", que forma parte da mesma colección que "Los Simpson y la Filosofía" e "Star Wars y la Filosofía".

    En Poniente e máis alá do mar Angosto, o mundo de George R.R. Martin está cheo de personaxes complexos en conflicto con eles mesmos e en loita con outros, dubidando de si mesmos, abocados ao risco moral, ao engano, á incerteza, á arrogancia e á axitación social e política.

    Mentres os Sete Reinos están en guerra, máis alá do Muro, os horrores do inverno achéganse. Moi lonxe, unha xove raíña loita co seu destino mentres viaxa para recuperar o seu fogar. Todo isto é sabido, pero este libro baséase nas obras de Maquiavelo, Hobbes, Descartes, san Agustín, Platón, Aristóteles e moitos outros grandes filósofos para analizar os personaxes e argumentos clave da que se considerou a gran epopea do noso tempo, mentres explora temas como a guerra, o honor, o coñecemento, a moral, o poder, a teoría de xénero, e nos revela as verdades sobre o ser humano dun xeito tan poderoso como sorprendente.

    Se es amante da Filosofía e de Juego de Tronos, non podes perder este libro que os mistura para obter unha obra fascinante!





  • Velaquí unha das máis recentes publicacións de Catroventos Editora: "O xuízo dos humanos. Os animais toman a palabra", escrita por José Antonio Jáuregui, que morreu de súpeto en 2005 sen rematala, e completada e editada por Eduardo Jáuregui, o fillo daquel. A tradución ao galego corre pola conta de Miguel Braña Montaña.

    Os animais do planeta Terra reúnense na selva para celebrar un xuízo extraordinario. Acusan o ser humano de crimes atroces: calumnias, malos tratos e xenocidio. A fiscal, a cobra Kali, e o avogado defensor, o can Filos, exporán os seus argumentos e chamarán diversas testemuñas. É realmente o Homo sapiens unha ameaza para a vida terrestre, unha especie arrogante, cruel e asasina que non merece a liberdade que os seus xenes lle otorgan? Chegou a hora de se enfrontar á Lei da xungla.

    A edición inclúe un novo prólogo de Eduardo Jáuregui específico para a edición galega.

    Unha novela fascinante que non debedes deixar de ler!






  • Traémosvos hoxe a máis recente novidade da editorial Libros de las Malas Compañías: "Estación Invierno", escrito por Ana Cristina Herreros e ilustrado por Aitana Carrasco.

    Doce mitos, lendas, contos e historias invernais compoñen este libro,  fermosamente ilustrado.

    Mitos que explican as estacións; unha lenda dun inmenso home de neve; contos dun inesperado regalo de Reis, dunha xoven fermosa como a neve, dunha anciá que proba unha suculenta sopa; historias que contan de onde veñen as laranxas, que celebramos en Nadal, por que decoramos as nosas casas con abetos, o quen chega a noite do 24 de Decembro.

    Un libro moi especial publicado por unha editorial que coida as edicións ata o máis mínimo detalle.





  • Velaquí unha das máis recentes novidades do editorial galega O meu libro: o novo poemario de Camilo Cao Martínez, "Paxaros, froitas, apeiros labregos e animais campestres".

    Inicia o libro o poema titulado "Carriza", símbolo de tantos paxariños, buscavidas pequeno e sinxelo, pero moi significativo: non deixa de sorprender e conmocionar o seu epifonema, revelador da soidade, o silencio e a tranquilidade que ten na tumba, típica dun animaliño, escuro, prácticamente inexistente, pero cuxos "trilos lle perduran", incluso trala morte, malia tanta envexa, rabecha e ruindade. Con igual encanto e sintonía, resultan expostas outras aves: a súa facha e transcendencia son frisadas dun modo xeitoso e falangueiro.

    O segundo sector do libro compóñeno as "Froitas": "Figos, "Cereixas", "Moras", "Cirolas", "Castañas", "Pexegos"..., son entes naturais bordados con atención, aloumiño e benquerenza, ó seren froitos celmosos e exquisitos saídos das nosas leiras. Serán tales sabedores produtos tan engaiolantes e atractivos coma os poemas protagonizados por eles?

    En terceiro lugar, priman os "Apeiros labregos": "Carro", "Sacho", "Angazo", "Forcada"..., tantos e tantos aparellos, hoxe esquecidos, pero que foron, durante miles de anos, instrumentos e medios habituais nunha casa labrega, e non tan labrega. Con que paixón, emoción, entusiasmo e aquel os enxalza o fistor!

    Sen esquecérmonos dos "Animais campestres": "Vagalume", "Can", "Gato", "Cochos", "Formigas", "Abellas", "Grilos", "Vacas", "Ovellas", "Bolboretas", "Escornabois"... Para que nomealos a todos se saltan á vista, se están na memoria de cantos viven no campo, ou andan en contacto coa natura? Que vos cativarán máis: o cariño e o feitizo con que o trobador canta, ou o desenrolo proverbial e categórico da súa vida á intemperie, baixo calores e avatares, proveitosos ou arrepiantes?

    Se teñen o gusto e o pracer de ler tal poemario deica o final, de seguro que lle darán ó interpelante xurdia resposta plausible, realmente positiva.





  • Velaquí a máis recente novidade da editorial compostelá Irmás Cartoné: "Mocidade sen Deus", de Ödön con Horváth, unha novela que non deixará indiferente a ninguén.

    Un mestre de escola reprende a un alumno por un comentario racista nunha redacción só para recibir as ameazas do pai do rapaz e a reprobación do director do centro. Esta é a premisa da que parte a que foi a derradeira obra do escritor autríaco Ödön von Horváth -e que lle custaría o exilio-.

    Escrita en 1937 e prohibida polo réxime nazi en 1938, "Mocidade sen Deus" ofrécenos un relato, sutil e cru a un tempo, do imparable avance do pensamento totalitario no seu tempo, do paulatino embrutecemento dunha sociedade.

    En cada liña da súa prosa hai un inequívoco odio polo tipo de filisteísmo que levou os alemáns ao asasinato, que fixo posible o Terceiro Reich, Joseph Roth.

    Horváth (...) decatárase con extraordinaria agudeza de que xa non era posible responder ao terror da realidade cunha literatura de terror, que a realidade do fascismo era, de feito, tan incontible e catastrófica que ningún realismo, e en particular o naturalismo agónico do século XX, podía facerlle xustiza, Alfred Kazin.

    Ides perder de lela?






  • Coa campaña da volta ao cole chegando á súa fin, recuperamos tempo para adicarle á nosa web, na que vos amosamos algunhas das novidades que van chegando á nosa libraría. É a quenda de Rinoceronte Editora, que hai nada sacou ao mercado "Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo", de John Satuffer Potter.

    Nos anos 50, un equipo de mergulladores norteamericanos exponse a unha serie de perigos e aventuras para recuperar o tesouro da Batalla de Rande.

    Este libro narra de xeito ameno o proxecto de rescate do tesouro e retrata os personaxes que o autor foi atopando na nosa terra naquela época.

    Un libro do máis interesante que non podedes deixar de ler!






  • Presentámosvos hoxe a novidade editorial máis recente de Seix Barral: "4 3 2 1", a última novela de Paul Auster.

    O único feito inmutable na vida de Ferguson é que naceu o 3 de Marzo de 1947 en Newark, Nova Jersey. A partir dese momento, varios camiños ábrense ante el e o levarán vivir catro vidas completamente distintas, a crer e a explorar de formas diferentes o amor, a amizade, a familia, a arte, a política e mesmo a morte, con algúns dos acontecementos que marcaron a segunda metade do século XX americano como telón de fondo.

    E se tiveras actuado doutro xeito nun momento crucial da túa vida? "4 3 2 1", a primeira novela de Paul Auster despois de sete anos, é un emotivo retrato de toda unha xeración, un coming of age universal e unha saga familiar que explora de xeito cegador os límites do azar e as consecuencias das nosas decisións. Prque todo suceso, por irrelevante que pareza, abre unhas posibilidades e pecha outras.

    Porque unha espera de sete anos foi longa abondo, ides seguir agardando ou ides vir á de xa a por este marabilloso título?





  • Remata agosto e as editoriais retoman a publicación de novidades. É a quenda de Norma Editorial e a BD, cun cómic moi especial: "Love Story a la iraní", con guión de Jane Deuxard e debuxo e cor de Deloupy.

    Como relacionarse nunha cidade que non o permite? Como ligar? Como atopar marido ou muller?

    Gila, Saeedeh, Omid, Leila e Vahid teñen menos de 30 anos. Veñen de distintos estratos sociais e habitan en Teherán, Ispahan, Bandar Abbas, Yazd, Mashad ou Shiraz. Estes mozos xa non tentan opoñerse a un réxime demasiado forte para eles, agora só teñen un obxectivo, un imperativo, unha obsesión: amarse. A pesar do réxime. A pesar da tradición.

    Jane Deuxard é un dúo de xornalistas premiados tanto no eido nacional como internacional que traballan con pseudónimo para poder continuar coa súa actividade como xornalistas en Irán e, sobre todo, para protexer ás súas fontes, aos iraníes que se atopan ao longo das súas viaxes. Xunto con Deloupy, apórtannos neste premiado ensaio gráfico testemuños de primeira man do que supón ser xoven e buscar o amor no Irán de Ahmadineyad e Rohani.

    Non perdas esta excepcional Bd, galardoada co Premio Franceinfo 2017!






  • Velaquí "A paisaxe da nación. Ideoloxía en imaxes da pintura galega de 1912 a 1930", de Xesús Andrés López Piñeiro, editado pola Deputación da Coruña.

    Galiza, a primeiros do século XX, facía menos de 50 anos que vira nacer unha incipiente pintura, onde destacaban individualidades, nunca un grupo compacto. Estes artistas maioritariamente seguían a pintura aprendida en Madrid no tocante aos temas e á cor. Na pintura galega que nace en 1912 non se reflicte unha loita de clases porque o que acontece é a creación dunha estética ex nihilo, feita pola pequena burguesía galega, e que xa naqueles tempos, comeza a expoñela baixo o nome de arte galega. Dáse no Estado español un enfrontamento entre a periferia e o centro, que a arte tamén reflicte.

    Un título imprescindible para todo amante da pintura feita na nosa terra!





  • Se na súa versión en castelán era Anagrama a encargada da súa edición, chega agora, en galego e da man de Rinoceronte Editora, "Como ser muller", de Caitlin Moran.

    Vivimos no mellor momento da Historia para ser muller. temos dereito ao voto e á pílula, e dende 1727 xa non nos mandan á fogueira por bruxas. Porén, aínda quedan moitas preguntas por responder: para que depiar as inguas? Deberíamos usar bótox? Ódiannos os homes en segredo? E por que todo o mundo pregunta cando vas ter un fillo?

    Moran aborda con intelixencia, sen tabús e cun gran sentido do humor cuestións do día a día na vida das mulleres, dende o seu punto de vista como feminista e filla dunha familia numerosa e proletaria.

    Un título imprescindible!







  • Velaquí unha das máis recentes novidades da editorial Bolanda: "Na cidade do perdón", de Manuel Martínez Pérez, ilustrado por Olaya Naveira.

    Se os mitos, lendas, intrigas e lerias forman parte consubstancial da historia de calquera poboación, en Santiago de Compostela son case a propia historia. Desde a súa orixe, ligada á fascinante lenda do Apóstolo Santiago, ata os nosos días, centenares de mitos e personaxes foron conformando esta milenaria cidade. Historias románticas, como a das Marías; tráxicas, como a do casino ou a do crime da rúa da Balconada; pícaras, como as da tuna, ou épicas, como as das "traballadoras" do Pombal tras o acciente do Iberia Club de Fútbol. E personaxes non menos líricos, como as propias Marías, o mestre Bretón, o holandés errante, as prostitutas Toñita e Blanquita ou Manuel Vales, o eterno estudante de Medicina que acabou a carreira xusto na idade de xubilación. Sobre estes nomes e feitos, que teñen un substrato real, o autor fabula historias sensacionais que nos permitirán, sen perder o sorriso, coñecer, aínda mellor, esta sorprendente cidade.

    Un título imprescindible para coñecer en profundidade a nosa capital!